CRTVG

Buscar

Vento forte, chuvia e situación complicada no mar

Publicado o 02/03/2020 13:48

• Os refachos superan os 167 km/h na Veiga

• O temporal deixa neve no interior por enriba dos 800 metros

A borrasca Karine tróuxonos de novo o inverno de volta, con vento forte, chuvia e unha situación complicada no mar. 

Amarrada. Así está toda a frota da costa da Coruña. Hai aviso laranxa por mar combinado ata as seis desta tarde, que pasará a ser amarelo. Con todo, durante boa parte da xornada, as ondas superarán os cinco metros de altura.

Tamén no mar, o vento vaise notar ata as seis da tarde na costa coruñesa con núcleos de forza 7, ou o que é o mesmo, con refachos de entre 50 e 60 quilómetros por hora. E tamén en terra. Na Coruña cidade hai zonas en que resulta imposible camiñar.

Moita inestabilidade que deixará amais precipitacións intermitentes.

Ondas de 5 metros e refachos de 129,5 km/h nas Rías Baixas

As profundas borrascas situadas no Atlántico Norte deixan nas Rías Baixas ondas que superan ocasionalmente os 5 metros, polo que gran parte da frota permanece amarrada a porto.

Nivel amarelo por mar combinado e ventos do suroeste con forza 7. O maior refacho de vento rexistrouse en Fornelos de Montes, con 125 quilómetros por hora. A borrasca Karine deixou numerosas incidencias na provincia de Pontevedra, con caídas de árbores e pólas, así como balsas de auga polas estradas. Houbo caída de valos e desprazamento de colectores, así como movemento de uralitas.

Chuvia intermitente ao longo da xornada nas Rías Baixas, acompañada de pedrazo e temperaturas frescas.

Noticias web

02/03/2020