CRTVG

Buscar

Once anos de cárcere para o home que se fixo pasar por unha muller para violar a súa veciña en Tomiño

Publicado o 05/10/2021 16:42
Once anos de cárcere para o home que se fixo pasar por unha muller para violar a súa veciña en Tomiño
EFE

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) confirmou a condena de once anos de cárcere para o home que se fixo pasar por unha muller para enganar a súa veciña e violala no municipio pontevedrés de Tomiño.

Os maxistrados da sala do civil e penal do TSXG consideran que este home é autor dun delito de violación de morada, en concurso cun delito de agresión sexual na modalidade de violación e outro de lesións, coa agravante de disfrace.

O TSXG considera probado, do mesmo xeito que a Audiencia de Pontevedra o fixo en primeira instancia, que cando a vítima se decatou do engano tentou pechar a porta. O acusado, que levaba a cabeza cuberta por unha carapucha, a cara tapada e luvas, abalanzouse sobre ela e agarrouna con forza polos brazos e despois agrediuna sexualmente e golpeoulle a cabeza contra o chan.

A sentenza destaca que, a pesar de que a vítima non identificou o seu atacante, esta foi "constante" nas súas declaracións afirmando en todo momento que mentres durou o ataque, "mantivo o seu rostro cuberto, impedíndolle a identificación". "O único que puido constatar é que se trataba dunha persoa cunha determinada altura e complexión e expresou, na súa denuncia, meras sospeitas de quen podería ser o atacante", explican os xuíces na súa resolución.

Foi a partir da proba de ADN cando se resolveu o caso, pois os investigadores acharon material xenético da persoa sospeitosa na casa, corpo e pezas da vítima. A muller explicou que o acusado nunca entrara antes na súa casa, polo que o ADN achado mesmo no pixama que levaba posto ela ou "o que é aínda máis revelador", segundo a sentenza, baixo as uñas da vítima acreditan a autoría da violación.

"Con estas probas periciais, difícil é concluír outra cousa que non sexa a autoría dos feitos por parte do procesado", sinala o TSXG, que tampouco aprecia "elementos indicativos de animadversión" cara ao acusado procesado, polo que ve "crible" o relato da vítima.

Noticias web

05/10/2021