A ocupación ilegal de vivendas segue a mobilizar os veciños do barrio lugués das Gándaras
Esta é unha das casas ocupadas de xeito ilegal no barrio lugués das Gándaras. Esta outra tivo mellor sorte, xa que un grupo de veciños frustrou o intento de ocupación. Ao chamaren a policía nas primeiras 24 horas, non pasou dunha violación de domicilio. Dende aquela, a veciñanza comezou a mobilizarse todas as semanas en protesta pola falta de seguridade. Na última, uns 200 residentes concentráronse en diante das vivendas que caeron en mans dos 'okupas'.
"Ocupan as casas pechadas pero tamén as casas en que está a xente vivindo. Xa houbo algunha señora que foi ao supermercado e cando volveu tiña xente dentro da casa. Á parte de que entraren nas casas, rouban. Aquí desapareceron 800 litros de gasóleo hai cinco días, e tes calquera cousa por fóra e axiña desaparece. A xente está atemorizada porque non podes saír da casa. Non te podes ir de fin de semana".
"Ocupan as vivendas e despois para que marchen piden cartos. A unha señora pedíanlle 3.000 euros e noutros sitios déronlles 500 euros para que marchasen".
A través das súas mobilizacións, os veciños das Gándaras reclaman que se tomen medidas contra a ocupación ilegal das súas casas. Esixen que se efectúen cambios legais co fin de axilizar a expulsión dos 'okupas' e piden, ademais, unha maior vixilancia policial na contorna.
Xaime Gueimonde, presidente da AAVV Gatos Roxos das Gándaras: "Non pode ser que esteas na túa vivenda e marches quince días e cando volvas xa a teñas ocupada. E por riba despois teñas que gastar diñeiro para botar eses 'okupas'. Pedimos que se modifique a lei, contra a ocupación ilegal das vivendas, e para que estes 'okupas' se vaian. Queremos facerlles saber que este barrio non é cómodo para viviren, que non estamos dispostos a que veñan eles a ocupar as casas".
Os veciños das Gándaras prevén seguir coas mobilizacións ata conseguir botar os 'okupas'.