CRTVG

Buscar

Oito novas mortes elevan a 50 a cifra de anciáns falecidos nas residencias galegas

Publicado o 07/04/2020 12:25

Oito persoas faleceron nas últimas 24 horas nas residencias de anciáns de Galicia, o que sitúa a cifra de mortes relacionadas coa COVID-19 nestes centros en 50 persoas.

En canto á cifra de positivos por coronavirus, a Consellería de Política Social contabiliza 32 contaxios máis entre os usuarios e 14 máis entre o persoal, de forma que eleva o número total de positivos a 935 persoas, 689 usuarios e 246 traballadores.

O maior foco está na residencia Nosa Señora da Esperanza, da Fundación San Rosendo en Ourense, con 105 usuarios e 34 traballadores contaxiados. Séguena o centro DomusVi de Cangas, con 98 anciáns enfermos e 17 traballadores, e o DomusVi San Lázaro de Santiago, con 82 residentes infectados e 30 traballadores.

Os últimos falecementos reportados pola Xunta rexistráronse na residencia DomusVi de San Lázaro, onde morreron cinco persoas, na DomusVi de Cangas, onde faleceron dúas, e unha na residencia A Esperanza de Ourense.

Nos centros de discapacitados hai 10 novos contaxios, cinco entre os usuarios e outros cinco entre o persoal, co que o número de persoas con coronavirus sitúase en cen.