CRTVG

Buscar

Oito galegos recollen os Premios Nacionais de Cultura de 2018 e 2019, nunha cerimonia adiada pola pandemia e presidida polos Reis

Publicado o 28/09/2021 21:44

Os reis presidiron a cerimonia de entrega dos Premios Nacionais de Cultura de 2018 e de 2019, pospostas ata agora por culpa da pandemia. 

Oito destes premios virán para Galicia: os de Xornalismo Cultural, que recolleron Ana Romaní e Anxo Quintela; o premio Nacional de Deseño de Moda foi para Adolfo Domínguez; María Xesús Lama e Xosé Manuel Núñez Seixas recibiron os seus premios nacionais de Ensaio; Pilar Pallarés, o de Poesía; Neila García, á mellor tradución, e o Cuarteto Quiroga, o de Música na modalidade de interpretación. 

O segundo violinista do grupo, Cibrán Sierra, aseguraba en declaracións a Televisión de Galicia que tiñan unha  ledicia xigantesca polo recoñecemento a tantos anos de traballo adicados a espallar a memoria cultural de Galicia. A tradutora Neila García non ocultaba a súa alegría e aseguraba que o premio é tanto para ela como para o seu editor por confiar no traballo dunha persoa tan nova.  Tamén aseguraron sentirse moi orgullosos María Xesús Lama e Xosé Manuel Núñez Seixas. Ela, porque se premiara unha obra sobre Rosalía de Castro realizada en galego. O profesor Núñez Seixas asegurou que é un premio tamén para a Universidade de Santiago de Compostela e para toda a cultura galega.

 

 

Noticias web

28/09/2021