CRTVG

Buscar

Oito detidos na Coruña por traficar con drogas nunha florería

Publicado o 07/10/2021 16:45
EFE

A Policía Nacional detivo oito persoas na Coruña por tráfico de drogas e comisaron máis de catro quilos de distintas substancias estupefacientes, segundo informa hoxe o Ministerio do Interior.

A rede desarticulada e que vendía a droga nunha florería, propiedade dun dos detidos, abastecía varios barrios da cidade, entre eles, Monte Alto, O Orzán, Agra ou Birloque.

A investigación iniciouse a finais do ano 2020 e, desde entón, interviñéronse máis dun quilo de marihuana, máis medio quilo de cocaína; 150 gramos de speed; tres quilos e medio de haxix, 3.000 pastillas de MDMA, máis de 350 plantas de marihuana en dúas plantacións, 9.000 euros en efectivo, básculas de precisión, precursores e armas prohibidas, entre outros efectos.

A finais de agosto, os axentes xa coñecían o funcionamento e as rutinas dos investigados e un mes máis tarde, o 29 de setembro, desenvolveron un amplo dispostitivo policial en que participaron máis de 40 persoas da Policía Nacional, da Policía Xudicial, Grupos Operativos Especiais de Seguridade, Unidades de Prevención e Reacción, guías caninos e Policía Científica.

A peculiaridade desta estrutura criminal radicaba tanto nesa diversidade de substancias das que dispoñían para a súa distribución, como na área territorial que abastecían, que abarcaba toda a área metropolitana da Coruña, o que implica un importante golpe para o mercado de distribución de drogas nesta cidade, engaden as fontes.

Noticias web

07/10/2021