Oito detidos á espera de declarar no xulgado por tráfico de drogas en Ribeira
Polo de agora son oito os detidos nunha operación contra o tráfico de drogas en Ribeira que se desenvolveu durante as últimas horas e que segundo a Policía Nacional aínda segue aberta. Os axentes levaron a cabo varios rexistros. Un deles, nun piso deste céntrico edificio onde prenderon os inquilinos e requisaron diversoas obxectos.
Un comerciante da zona di: "Abro ás 10 da mañá e cando cheguei estaba a policía aquí, había dous furgóns aparcados no espazo de carga e descarga. Estaban todos dentro e ás 11 saíron os policías e levaron un tío detido".
Os detidos aquí, ao parecer un home e unha muller, levaban uns seis meses vivindo nun edificio de Ribeira. A súa actividade causaba problemas a diario porque había unha trasfega constante de xente e, con moita frecuencia, liortas.
Unha veciña indica: "Non é a primeira vez. Aquí é un escándalo, parece a praza das reas de xente que había. Á miña filla chamáballe a atención a mala xente que había. Todo o día para arriba e para abaixo ata as 4 ou 5 da mañá".
Os axentes incautáronse dun quilo de cocaína, outro de haxix e 6.000 euros. Está previsto que os detidos declaren no xulgado de garda nas próximas horas. Non se descarta que esta operación policial estea relacionada co incidente acontecido o mércores pasado, cando detiveron un home por facer un disparo no interior dunha vivenda sinalada como un punto de compravenda de droga.