CRTVG

Buscar

A lava do volcán da Palma diríxese ao mar e xa arrasou 120 casas ao seu paso

Publicado o 20/09/2021 12:10

A lava que está a manar do volcán en erupción na Palma podería chegar á zona costeira da illa esta tarde, segundo avanzou o presidente de Canarias, Ángel Víctor Torres. A previsión, sinalou Torres en conferencia, é que as coadas puidesen chegar a esa zona do litoral sobre as 20.00 horas.

De acordo coa información que as administracións recibiron dos organismos científicos que vixían o comportamento do volcán, espérase que a colada de lava entre no mar na costa de Tazacorte, posiblemente en Playa Nueva, nos Guirres.

O volcán que estalou este domingo na Palma está a emitir de 6.000 a 9.000 toneladas diarias de  dióxiodo de xofre (SO2) e formou unha colada cunha altura media de seis metros que avanza a 700 metros por hora, arrasando ao seu paso casas, cultivos e infraestruturas.

Na Palma vese unha enorme columna de fume e cinza duns 500 metros de altura. A erupción darase por rematada cando deixen de producirse esas emisións. Pero polo de agora, a actividade sísmica é intensa. Esta mesma mañá, a illa sufría un novo tremor de magnitude 3, e a lava segue avanzando cara á costa oeste da illa.

Polo momento non se produciron danos persoais, pero os ríos de lava levaron por diante xa 120 casas, ademais de infraestrutras e cultivos.

Manuel Regueiro, presidente do Colexio de Xeólogos de España explica que a lava acada temperaturas de ata mil graos. "Non hai maneira de parala", asegura.

As autoridades estableceron un radio de exclusión de 2 quilómetros para evitar vítimas mortais. "O que estamos facendo agora son simulacións para poder predicir o camiño da lava lonxe do volcán", explica o vulcanólogo Stavros Mletlidis.

As erupcións elevaron a illa 19 centímetros. O volcán ten 6 bocas e 2 fisuras eruptivas polas que sae o magma. Os expertos non descartan que poidan xurdir outras novas. Agora centran os esforzos en coñecer canto se prolongará a erupción. Calculan que o volcán poder conter unhas 20.000 toneladas de magma, polo que a erupción podería estenderse días e mesmo semanas.

O nivel de emerxencia pasou a semáforo vermello volcánico, o máximo, nos municipios afectados na illa da Palma, e o Goberno canario solicitou a intervención da Unidade Militar de Emerxencias, que chegou esta madrugada á illa. Segundo os expertos, a erupción volcánica podería durar semanas, mesmo ata un par de meses. 

Ata a Palma trasladouse o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para incorporarse á reunión do comité de crise do Plan de Emerxencias Volcánicas das Canarias. Tanto el, coma o presidente canario, pediron tranquilidade á poboación porque aseguraron que está garantida a seguridade cidadá.

Segundo relatou o presidente do Cabido da Palma, Mariano Hernández Zapata, "a colada de lava come literalmente vivendas, infraestruturas e cultivos que vai atopando cara a costa do vale Aridane".

Mentres tanto, máis e 5.00 persoas permanecen evacuadas fóra dos seus fogares. A UME despregou na illa 67 membros e 30 vehículos, un continxente que se vai incrementar ao longo do día ata alcanza os 180 efectivos e 57 vehículos. Tamén está prevista a chegada de tres hidroavións máis.

Noticias web

20/09/2021