CRTVG

Buscar

Ocupan ilegalmente unha casa dun veciño de Santiago e cando quere entrar dinlle que non é del

Publicado o 01/09/2021 13:05

Un veciño de Santiago chegou a unha casa, que emprega para as tarefas dunha horta que ten na mesma leira, e atopou as pechaduras cambiadas. Había xa tempo que non a alugaba, debido a que ten o interior de madeira moi deteriorado. Cal foi a súa sorpresa cando chamou e saíron uns mozos que lle dixeron que a vivenda era deles.

Esta é a casa ocupada ilegalmente no barrio de Cornes. Cando o dono chegou, o primeiro que viu foi a cancela cun cadeado posto que el non vira antes. Quitouno e foi á porta, como adoita facer acotío. Daquela decatouse que non podía entrar. Na fiestra uns mozos preguntárolle que facía na súa casa.

"Vou á porta da vivenda e véxoa toda atrancada e saen dous tíos pola fiestra preguntando que facía alí na casa deles. Eu díxenlles estades de broma é a miña casa así que facede o favor de marchar. E vostedes estaría disposto a alugala. Eu díxenlle que se podía falar, pero a casa non se pode alugar porque está en mal estado", explica Gregorio Romero, o dono da casa ocupada.

Cren que aquí viven polo menos dúas parellas. Non foron violentos co dono, pero non pode entrar no que é seu e mesmo ten que pagar o consumo de auga e luz que están a facer os okupas. Esta mesma mañá puxo unha denuncia no xulgado para poder botalos.

"É un procedemento que pode durar entre tres e seis meses, como rápido, é unha demanda civil de desafiuzamento. A casa está deteriorada, por fora parece bonita porque é de pedra vista, pero polo interior é todo de madeira, vigas de madeira, o piso tamén e o faiado igual", sinala Gregorio. 

Os veciños din que no barrio houbo un aumento de festas na rúa e venda de drogas preto do lavadoiro de Cornes desde que comezou a pandemia, que é onde está a vivenda ocupada.

Noticias web

01/09/2021