CRTVG

Buscar

Os responsables de locais de ocio nocturno cren complicado aplicar as medidas de control de acceso

Publicado o 08/07/2021 14:25

Debido á continua suba de casos no concello de Ourense, a partir de mañá ás doce da noite estará no nivel medio de restricións, isto obriga ao ocio nocturno a esixirlles aos seus clientes na entrada que presenten o resultado dunha proba diagnóstica negativa, realizada nun máximo de 48 horas, ou o certificado coa pauta completa da vacinación. Estas obrigas terán que cumprirse nos dez concellos no nivel medio. Os xerentes do ocio nocturno amosan moitas dúbidas antes estas novas medidas.

O persoal do pub ou discoteca será o que teña que pedir na entrada aos seus clientes a proba de covid negativa ou o certificado de que teñen a pauta completa da vacinación. Nun local de Ourense xa contrataron para mañá un porteiro para esa función. Con estas novas medidas, varios pubs de Ourense din que mañá xa non abrirán. Outros agardarán o resultado destas medidas, consideran que o ocio nocturno non é o culpable do aumento de casos entre a xente nova se non as reunións na rúa e os botellóns.

Para frear a expansión do virus entre a mocidade, a Xunta pechará entre as doce e as seis da mañá parques, praias e outros espazos nos que, malia estar prohibidos, habitualmente si se fan botellóns. Sanidade pide á xente nova e que acuda á cita para facer PCR, esta tarde en Ribadavia e o sábado en Expourense, cribado para o que tamén se poden anotar voluntariamente os mozos de entre 16 e 35 anos de Ourense e Barbadás, recibirán un SMS de confirmación.

Noticias web

08/07/2021