CRTVG

Buscar

O youtuber alcumado Punto Lunático volve actuar cun novo vídeo vexatorio

Publicado o 28/11/2019 14:16

Nesta ocasión escolleu dous bazares chineses do polígono industrial do Ceao, en Lugo. No vídeo vese como primeiro entra nun deles e comeza a meter a mercadoría nun carriño. Segundo avanza o vídeo, o seu maltrato cara aos bens materiais vai empeorando.

No vídeo intercálanse imaxes dos dous bazares en que estivo. Ademais, pódese escoitar como cada nova desfeita que fai é celebrada con gargalladas polo compañeiro que o está gravando.

No vídeo tamén se fai gala das constantes faltas de respecto que ten co persoal que traballa nos bazares que visita, actos que poderían ter unha repercusión legal.

De feito, numerosas publicacións feitas nas redes sociais reclaman unha intervención policial coa que parar definitivamente os actos de Adolfo Cortiñas, o mozo de 24 anos que xa protagonizara outro vídeo vexatorio en que interrompía unha clase para tirarlle unha torta a un profesor do instituto Muralla Romana, feitos polos que aínda non foi xulgado e que lle poden supoñer pena de prisión, xa que un profesor é unha autoridade.

Hai uns meses, Adolfo Cortiñas tamén protagonizara un enfrontamento coa Policía Local, logo de rabuñar e insultar uns axentes aos que, posteriormente, acusou de agresión.

Ao parecer, esta mesma conduta violenta tamén foi a que mantivo contra os útiles dun local que tiña arrendado na rúa Portugal, en Lugo, onde rexentaba un salón de peiteado.

Deste local foi expulsado a semana pasada cunha orde de desafiuzamento, despois de non pagar o alugueiro.

Noticias web

28/11/2019