CRTVG

Buscar

O xulgado suspende o prazo concedido á familia Franco para retirar os bens de Meirás

Publicado o 11/05/2021 16:36

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu o prazo dun mes, concedido o pasado 28 de abril, á Familia Franco para retirar "as cousas, bens ou obxectos" do interior do pazo de Meirás.

Será ata que non resolva, por unha banda, os incidentes sobre os bens que se poderán levar ou non e, por outra, os recursos de reposición presentados polo Estado, a Xunta, a Deputación Provincial e os concellos da Coruña e Sada.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), contra a resolución cabe interpoñer recurso.

Obras no pazo

Ademais, este mesmo xulgado emitiu outra resolución en que lle require ao Estado, tal e como solicitaba a familia Franco, o depósito no órgano xudicial, para que quede baixo a custodia da letrada da Administración de Xustiza, "a información e documentación da que dispoña e manexara para determinar a necesidade de acometer obras no pazo de Meirás". Deberá facelo no prazo máximo dun mes.

Deste xeito, o Estado deberá xustificar a declaración de emerxencia da contratación das obras e especificar os traballos concretos "que executou, está a executar e/ou proxecta executar", ademais de acreditar o seu importe.

Documentación

Entre a documentación deberá incluír a memoria proposta para a declaración de emerxencia de determinadas actuacións, que foi elaborada pola Delegación de Economía e Facenda da Coruña.

Tamén terá que remitir o encargo realizado á empresa en que se detallan as obras de emerxencia a realizar, tanto no edificio principal como na contorna, un informe do estado das instalacións eléctricas e o contrato para solucionar, de xeito urxente, os problemas detectados. Ademais, deberá facilitar os contratos relacionados coa xardinería.

O Xulgado denegoulle á familia Franco a súa petición de que uns técnicos, propostos polos demandados, puidesen inspeccionar de xeito presencial as partes ou elementos do pazo afectados polas obras. No auto, contra o que cabe presentar recurso de apelación, a xuíza salienta que a Administración “afirma a existencia dunha ampla reportaxe fotográfica” na que se recolle o estado previo do inmoble antes de executar os traballos.

“Non nos topamos ante unha empresa privada ou particular que por iniciativa propia acomete unha serie de obras que entende como necesarias, senón ante unha administración pública (Consello de Ministros) que á vista da Memoria Proposta para a Declaración de Emerxencia e do expediente administrativo correspondente, conforme determina a Lei de contratos do Estado, realiza a declaración de emerxencia a autoriza as obras e actuacións a realizar, estando documentadas e probadas; do mesmo xeito que a partida para a súa realización”, subliña a maxistrada.

“Á vista da proba documental e dos informes periciais dos técnicos da Administración, os demandados terán acceso e pleno coñecemento das obras e o custo fixado para cada unha delas”, indica.

Carga da proba

No caso de que fose acollido o recurso de casación contra a sentenza que outorga a propiedade do inmoble ao Estado, e a familia Franco pretendese reclamar o custo dos traballos realizados polo seu carácter necesario, “a carga da proba corresponderíalle á Administración e, por iso, é a máxima interesada en poder acreditar o estado real do inmoble antes de iniciar as obras”, subliña.

 

 

Noticias web

11/05/2021