CRTVG

Buscar

O xulgado retoma a causa sobre o desprazamento do Fuenlabrada

Publicado o 22/12/2020 17:09
O xulgado retoma a causa sobre o desprazamento do Fuenlabrada
O Xulgado de Instrución número 6 da Coruña retoma a causa sobre o desprazamento do Fuenlabrada a Galicia.
A causa estaba suspendida porque a xuíza que a levaba era socia do Deportivo da Coruña, segundo explicaron a Efe fontes xurídicas.
A decisión do Xulgado coruñés de renovar a causa prodúcese despois de que a Audiencia Provincial confirmara que "non existen motivos para que a maxistrada se absteña nesta investigación", apunta o TSXG.
Ademais, notificouse este martes unha providencia pola que a xuíza acorda, a pedimento da Liga, solicitar un informe ao Ministerio Fiscal sobre a competencia territorial do xulgado coruñés para instruír a causa, entre outras cuestións.
Na providencia, a maxistrada informa ás partes de que xa se recibiron os informes que foron solicitados á Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Xefatura Superior de Policía da Coruña.
O Xulgado investiga se a Liga, o seu presidente, Javier Tebas, o Fuenlabrada e o seu dirixente, Jonathan Praena puideron cometer algún delito na viaxe do equipo madrileño a Galicia con positivos de coronavirus no persoal para disputar o último encontro da tempada pasada ante o Deportivo en Riazor.