O xulgado prorroga o illamento de Aranda de Duero ata os 14 días

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Burgos decidiu prorrogar o illamento de Aranda de Duero (Burgos) por mor da pandemia de covid-19 ata os 14 días naturais, como solicitou nun principio a Junta de Castela e León.
Mediante un auto, o xulgado establece a prórroga da orde San/725/2020 do 6 de agosto pola que "se adoptan medidas sanitarias preventivas para a contención da covid-19 no municipio de Aranda de Duero prevista inicialmente ata hoxe martes 18 de agosto de 2020", e que con esta decisión "pasan a estar vixentes desde as 00:00 do día 19 de agosto do ano 2020 ata que se cumpran os 14 días naturais que contemplou a mesma".
Foi o pasado 14 de agosto canto o xulgado resolveu que o illamento deste municipio podería seguir ata o 18 de agosto, catro días máis dos autorizados inicialmente, en lugar dos sete que solicitara a Junta de Castela e León como medida preventiva para evitar contaxios da covid-19, aínda que aberto a unha nova prórroga, que agora decidiu.
O informe, achegado despois de que o xulgado solicitase datos á Junta para argumentar a necesidade de prórroga do illamento, indica que ata a data de elaboración deste escrito hai 605 casos confirmados de infección activa, sendo 21 casos os existentes a data 26 de xullo.
Afirma que se detectaron esta última semana, do día 10 ao 16 de agosto, 168 casos, dos cales a día de hoxe 18 persoas permanecen hospitalizadas por covid-19 no hospital Santos Reyes de Aranda de Duero (5 delas casos confirmados nas últimas 24 horas) e 4 persoas ingresadas na UCI do Hospital Universitario de Burgos.
Ademais deses 605 casos confirmados, só 201 están asociados a algún dos 50 gromos identificados, polo que hai 404 casos en que non se atopou vínculo epidemiolóxico.
Do informe que emite a Dirección Xeral de Saúde Pública remitido coa petición de prórroga "dedúcese con meridiana claridade que a situación de contaxio comunitario que determinou a prórroga anterior persiste a data de hoxe", argumenta o xulgado.