O xulgado determina que a morte do neno que caeu dun sexto piso en Vigo foi accidental

Pechouse a investigación sobre a morte do neno de 11 anos que se precipitou dende un sexto piso en Vigo. O Xulgado de Instrución número 1 determina que hai indicios claros que revelan que o falecemento do pequeno foi accidental.
A investigación reconstruíu os pasos do neno, que tiña diversidade funcional. Parece que o menor collera un tallo para asomarse pola fiestra e perdeu o equilibrio, caendo posteriormente ao patio de luces. O tendal conseguira amortecer a caída, pero aínda que os servizos sanitarios intentaron reanimalo durante máis de media hora, non puideron facer nada por salvarlle a vida.
O accidente produciuse cando o neno, que estaba baixo o coidado dunha persoa achegada, se ausentou por uns instantes do salón, onde se atopaba cos seus irmáns. En definitiva, a autopsia e as pertinentes dilixencias confirman que se tratou dunha fatal traxedia. Un suceso que conmocionou os veciños e que obrigou a intervir o equipo de psicólogos especializados para atender a familia.