CRTVG

Buscar

O xulgado concédelle un mes á familia Franco para retirar os bens do pazo de Meirás

Publicado o 29/04/2021 16:29

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou concederlle á familia Franco o prazo dun mes para a retirada "das cousas, bens ou obxectos" que hai no interior do pazo de Meirás, coa excepción daquelas que eventualmente se atopen nel por ser colocadas polo Estado tras tomar posesión do inmoble.

Ademais, a letrada da Administración de Xustiza, na dilixencia de ordenación, contra a que cabe presentar recurso de reposición, require ao Estado para que permita o acceso ao pazo dos profesionais que designe a familia Franco para poder efectuar a retirada dos bens.

Respecto á petición da parte demandada de que se declare non existente, para todos os efectos, o inventario sobre os bens do pazo, así como de que se prohiba a súa divulgación, o xulgado outorga ás partes un prazo de dez días para indicar se están conformes con esta solicitude ou para presentar alegacións.

A resolución atende á petición feita polo Franco nun escrito presentado polos seus letrados este luns despois de que a Sección Terceira Audiencia Provincial da Coruña revogase o depósito mobiliario a favor do Estado.  

Sobre os bens existentes, os Franco xa adiantaron a súa vontade de retirar todos, incluídos os declarados como Ben de Interese Cultural (BIC), aínda que neste caso terían que pedir autorización á Xunta.  

Recentemente, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reivindicou tanto as estatutas Mestre Mateo como a biblioteca de Emilia Pardo Bazán como bens "de Galicia" e avanzou que a Administración autonómmica exercerá o seu marco competencial co obxectivo de que queden nesta autonomía.

Coa decisión adoptada pola Audiencia da Coruña ao estimar o recurso da familia do ditador -que agora deberá ser "indemnizada" polos danos e prexuízos que lles puido ocasionar esta situación-, deixouse sen efecto o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña no que se ordenaba depositar a favor do Estado todos os mobles e elementos accesorios do pazo de Meirás.  

Os maxistrados deixaron aberta, no entanto, a posibilidade de que o Estado poida reclamar noutro preito a titularidade dos mobles que considere Patrimonio Nacional asignados ao xefe de Estado.

O delgado do Goberno en Galicia, José Miñones, di que o Estado estudará o recurso e defenderá o que entende que é da súa propiedade.

O BNG critica a decisión xudicial e pide que as administracións actúen con rapidez. Demándalle á Xunta que amplíe a declaración do pazo como Ben de Interese Cultural. E cre que o Goberno español debería presentar xa un recurso nos tribunais.