O xulgado cita a declarar varios profesores da Escola de Arte Dramática acusados de acoso sexual

O Xulgado de Instrución número 4 de Vigo chamou a declarar como investigados varios profesores da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, con sede en Vigo, por suposto acoso sexual.
Fontes xurídicas informan de que os docentes están citados esta mesma semana. A investigación xudicial comezou tras as denuncias de varias alumnas do centro. Durante o primeiro trimestre do ano pasado profesorado e alumnado convocou un calendario de mobilizacións e protestas para denunciar a situación.
Naquel momento, unha das profesoras que apoiaba as estudantes asegurou que os supostos abusos non foran "meros episodios", e que algúns comportamentos eran "violencia contra as mulleres".
Daquela, a Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional anunciara un "seguimento" da situación e precisou que "a xefatura territorial, en canto tivo coñecemento da protesta estudantil, enviou dúas inspectoras ao centro".