O pai de Diana Quer acode ao xuízo contra o Chicle para apoiar a moza de Boiro
• O acusado nega o intento de secuestro: "Pedinlle o móbil, só iso"
• Juan Carlos Quer asiste para apoiar os pais da moza
• O xuízo retómase mañá ás 9.30h
O xuízo espertou moita expectación e proba diso, é a cantidade de medios acreditados e as medidas excepcionais que se adoptaron nos xulgados de Santiago.
Hai 30 os medios de toda España acreditados para cubrir estes 3 días de vista oral. A expectación mediática por ver o Chicle sentado no banco dos acusados por primeira vez obrigou a habilitar como sala de vistas a sala onde habitualmente se celebran as vodas, porque ten maior capacidade. Ademais habilitouse unha sala de prensa onde os xornalistas poden seguir o sinal en directo do xuízo e traballar na súa cobertura. Quen non quixo perder esta vista foi Juan Carlos Quer, o pai de Diana Quer. Chegou acompañando a nai da moza de Boiro á que o Chicle intentou secuestrar. Ambos os dous pediron xustiza e Juan Carlos Quer confía en que este xuízo sirva para demostrar o perfil de depredador sexual de José Enrique Abuín, o que sería fundamental tamén para o xuízo do crime de Diana Quer.
Expectación máxima ás portas do xulgado de Santiago para poder ver por primeira vez sentado no banco dos acusados a Xosé Enrique Abuín Gey. Minutos despois das 9 e media chegou nun furgón policial desde o cárcere de Teixeiro onde pasou a noite, xa que permanece en prisión provisional en Mansilla de las Mulas en León desde xaneiro de 2018. Pouco antes chegaba para asistir como público á vista, Juan Carlos Quer, o pai de Diana Quer, que quixo apoiar e acompañar a Eli, a nai da moza de Boiro á que o Chicle supostamente intentou secuestrar e agredir sexualmente, e que aínda non foi quen de superar a terrible experiencia vivida.
O pai de Diana Quer confía en que este xuízo sirva para acreditar a maneira de actuar do Chicle e o seu perfil de depredador sexual. Unha cuestión que sería moi valiosa tamén para o posterior xuízo polo crime da súa filla.
Juan Calos Quer tamen lanzou unha mensaxe ao Goberno para que atenda a petición popular que el liderou, referendada por 3 millóns 200 mil sinaturas, para que non se derrogue a pena de prisión permanente revisable.