CRTVG

Buscar

O xuíz rexeita de novo enviar a prisión a Brahim Gali e pídelle estar localizable

Publicado o 01/06/2021 13:34
O xuíz rexeita de novo enviar a prisión a Brahim Gali e pídelle estar localizable

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz rexeitou, unha vez máis, enviar a prisión provisional ou retirarlle o pasaporte ao líder da Fronte Polisario, Brahim Gali. Porén, pediulle estar localizable tras tomarlle declaración por videoconferencia, por varias querelas interpostas contra el.

Pedraz segue considerando que non hai motivos que xustifiquen medidas tan gravosas como as solicitadas polas acusacións –por delitos de lesa humanidade, xenocidio e torturas, entre outros. Finalmente optou por seguir o criterio da Fiscalía, que pedira o achegamento dun domicilio e un teléfono para estar localizable.

O xuíz non ve "risco de fuga algún" porque "non consta" ningún dato "para apreciar que o investigado poida ou queira subtraerse á acción da xustiza, máxime á vista de que en canto tivo coñecemento dos feitos investigados presentouse na causa e accedeu á práctica da súa declaración. Mesmo á vista do estado de saúde en que se atopa, que ben lle permitiría á súa defensa solicitar pospoñer a declaración".

Sinala ademais que a acusación "non subministrou elementos sequera indiciarios" que avalen "a existencia de motivos bastantes para crerlle responsable de delito algún", dado que as declaracións de testemuñas prestadas hai anos "non teñen proba corroborativa e delas non se segue unha participación nos feitos do investigado".

Noticias web

01/06/2021