CRTVG

Buscar

O xuíz pídelle ao xurado "responsabilidade e independencia"

Publicado o 26/11/2019 15:52
O xuíz pídelle ao xurado "responsabilidade e independencia"

O maxistrado presidente da sala sexta da Audiencia Provincial da Coruña, Ángel Pantín, pediu "responsabilidade e independencia absoluta" ao xurado que dirimirá o grao de culpabilidade de José Enrique Abuín Gey no crime de Diana Quer, concretamente se cometeu os delitos de detención ilegal, asasinato e agresión sexual que se lle imputan.

Os cinco homes e catro mulleres que conforman este órgano cidadán iniciarán a súa reflexión este mesmo martes, tendo en conta que xa foron expostas as preguntas ás que deben dar resposta, á parte de ter na súa poder as instrucións que han de seguir durante o proceso de deliberación, votación e redacción da acta.

Pantín facilitou na sala de vistas, ante Ministerio Fiscal, acusación particular, defensa e o propio Abuín Gey, as instrucións sobre a redacción do veredicto que servirá de base para a futura sentenza en base a feitos "probados ou non probados".

As contestacións ao obxecto de veredicto servirán para que, en caso de culpabilidade, sexan cualificados os delitos e, polo tanto, acoutada a pena que determine posteriormente o tribunal profesional.

O presidente da sala, en base á lei do xurado, comentoulles a estas persoas que, para que haxa culpabilidade, deberán determinalo así sete ou máis dos nove xurados, mentres que para a non culpabilidade requiriranse cinco votos.

Por iso, fíxolles saber que é de vital importancia facer constar se as determinacións alcanzadas son "por unanimidade ou por maioría".

A acusación particular que exercen Juan Carlos Quer e Diana López-Pinel, os pais de Diana, do mesmo xeito que o Ministerio Fiscal, esixen para o acusado a condena a prisión permanente revisable.

Fronte a iso, Fernanda Álvarez, avogada que pola quenda de oficio representa ao Chicle, mantén a súa petición de dous anos e medio por un homicidio imprudente, pero contempla como subsidiaria a solicitude de homicidio doloso cunha condena de entre cinco e sete.

O presidente do tribunal agradeceu aos membros do xurado popular o desempeño do seu labor durante as dúas semanas que durou a vista oral e pediulles agora que tomen a súa decisión "conforme a súa conciencia" para determinar o veredicto en base "ao que viron, porque o viron mellor que ninguén".

Pantín pediulles, así mesmo, a estas nove persoas "máximo esforzo e dedicación" para afrontar esta encomenda legal, debido a que "do que vostedes decidan depende o futuro dunha persoa", lembroulles.

Sobre o período de deliberación, o xuíz indicoulles que unha vez sexan incomunicados, non poderán recibir chamadas, visitas ou falar con medios de comunicación; igualmente, retiraránselles os teléfonos móbiles e poderán descansar cando queiran, pero sen saír do lugar habilitado, xa que todos as deliberacións son secretas.

O maxistrado, por último, aclaroulles as circunstancias que diferencian un homicidio dun asasinato e, por iso, incidiu na aleivosía que causa "sufrimentos innecesarios" á vítima.