O xuíz do caso Dina pídelle ao Supremo que investigue a Pablo Iglesias por tres delitos
O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castellón ve motivos para investigar a Iglesias e eleva a petición para imputalo ao Supremo por ser un aforado.
As sospeitas son en relación ao suposto roubo do teléfono á exasesora de Podemos. O xuíz cre que Iglesias debe ser investigado por quedar coa tarxeta do móbil sen dicirllo á propietaria e denunciar os feitos. Cre que se fixo a vítima por oportunidade política, recolle no escrito, a poucas semanas dunhas eleccións xerais.
E apunta a tres posibles delitos: danos informáticos, revelación de segredos con agravante de xénero e denuncia falsa.
O xuíz tomou esta decisión despois de escoitar o exavogado de Podemos, José Manuel Calvente, e en contra do criterio da Fiscalía.
E comezan a chegar as primeiras reaccións: o líder do PP apela a Sánchez. Pídelle o cesamento de Iglesias e que aplique a mesma vara de medir que na moción de censura contra Rajoy.
En Podemos din que non dan crédito á decisión do xuíz e lembran que hai só uns días a Sala do Penal da Audiencia lle devolvera a Iglesias a condición de prexudicado neste caso.
E o PSOE manifesta o seu respecto ás decisións xudiciais, sen facer valoracións.
O caso Dina abriuse en marzo de 2019 como unha ramificación do caso Villarejo para determinar se o excomisario estaba detrás da filtración de mensaxes internas de Podemos.
Reaccións políticas
A ministra de Traballo está convencida da inocencia de Pablo Iglesias. Yolanda Díaz transmitiulle o seu afecto ao vicepresidente segundo porque entende que está vivindo unha situación "demasiado dura".
Pola súa banda, o Partido Popular esíxelle a Pedro Sánchez que cese de inmediato o seu vicepresidente segundo, e lembran que o líder de Podemos estaría xa imputado de non ser aforado.
Ciudadanos pide que Pablo Iglesias compareza de inmediato na comisión anticorrupción do Congreso, que preside Iñigo Errejón.