CRTVG

Buscar

O xuíz desestima de novo o caso das gravacións da Maruxaina

Publicado o 27/09/2021 20:59
O xuíz desestima de novo o caso das gravacións da Maruxaina
EP

O xuíz que instrúe o caso das gravacións da festa da Maruxaina de Cervo volveu desestimar a denuncia ao considerar que non existe delito nos vídeos de mulleres ouriñando na rúa captados con cámara oculta que foron subidos a páxinas web pornográficas, algunhas delas de pagamento.

Nun auto emitido a comezos de setembro contra o que xa recorreu a asociación Mulleres En Igualdade Burela (Bumei) ante a Audiencia Provincial de Lugo, o xuíz Pablo Muñoz Vázquez desestima o recurso presentado polo colectivo contra o primeiro arquivo da causa, ditado por el mesmo a mediados de marzo.  

En primeiro lugar, o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro argumenta que os feitos denunciados non constitúen un delito contra a intimidade ou o dereito á propia imaxe porque as imaxes se obtiveron na vía pública, e por tanto deberían ser tratados pola vía civil e non pola penal. Tamén rexeita que as gravacións supoñan un delito contra a integridade moral, neste caso porque "non se aprecia o ánimo tendencial de quebrantar a resistencia física e moral" das mulleres que foron filmadas mentres facían as súas necesidades durante a celebración das festas da Maruxaina do ano 2019.  

Por tanto, o xuíz instrutor reafírmase na decisión ditada hai seis meses e acorda o sobresemento provisional da denuncia. O colectivo denunciante, que organizou unha mobilización na que participaron centenares de persoas tras o arquivo da denuncia en marzo, espera agora a decisión da Audiencia Provincial de Lugo, que debe resolver un recurso de apelación.  

O criterio do xuíz instrutor difire do que ten a Fiscalía, que considera que hai un delito contra a intimidade e estima que "alternativamente" pode existir tamén outro contra a integridade moral das vítimas.

Noticias web

27/09/2021