O xuíz acredita que se empregaron 53.000 euros dos fondos reservados na espionaxe a Bárcenas

A espionaxe ao extesoureiro do PP Luis Bárcenas que se investiga na operación Kitchen custou polo menos 53.266,22 euros procedentes dos fondos reservados do Ministerio do Interior durante a etapa de Jorge Ferández Díaz, segundo apunta o xuíz da Audiencia Nacional José de la Mata nunha resolución, ata o de agora baixo segredo de sumario, pertencente á investigación que o maxistrado realiza da caixa B do partido.
Segundo o maxistrado, a investigación puido acreditar un total de 25 pagos realizados entre xullo de 2013 e maio de 2015 en relación coa colaboración prestada polo que foi chofer do extesoureiro, Sergio Ríos, e os axentes da Dirección Adxunta Operativa ( DAO) da Policía Nacional que participaron na trama. Desta cantidade, segundo detalla na súa resolución o titular do Xulgado Central de Instrución número 5, un total de 50.000 euros corresponden a soldos e salarios, e o resto a gastos de comida (2.574 euros), transporte (496 euros) e outros pagos menores que non se concretan (195 euros), unhas cantidades que serían efectuadas polo comisario Andrés Gómez Gordo e polo tamén exmando xubilado en prisión José Mauel Villarejo, cuxas actividades irregulares analiza outro xulgado da Audiencia Nacional, o Central número 6, na macrocausa Tándem.
Tamén quedou acreditado, segundo establece o xuíz De la Mata na súa resolución, que persoas e lugares do círculo de Luís Bárcenas e da súa esposa, Rosalía Iglesias, foron obxecto de vixilancia entre o 25 de xullo e o 11 de outubro de 2013; así como os días 22 de xaneiro e 12 de febreiro de 2014, "existindo constancia documental diso mediante notas de servizo". Estas vixilancias foron efectuadas pola área especial de Seguimentos, Servizo Adscrito á Unidade Central de Apoio da Comisaría Xeral de Información
De la Mata levantou este mércores o segredo sobre a súa parte da peza Kitchen, que mantiña para non prexudicar a investigación do Xulgado Central de Instrución número 6 sobre ese operativo parapolicial que se sufragou con fondos reservados e cuxo obxectivo sería subtraer información sensible do PP ao que foi o seu tesoureiro, Luís Bárcenas, para ocultarlla á xustiza.
Unha vez levantado o segredo sobre Kitchen na causa de Villarejo, o xuíz central número 5 eliminou tamén esta prevención da documentación sobre este asunto que se inclúe no procedemento sobre a caixa B do PP.