O xoves entrará aire frío do continente europeo na Península Ibérica
O frío non vai remitir, polo menos de momento. O xoves entrará aire frío do continente europeo na Península Ibérica. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios moi apreciables, polo que as xeadas seguirán sendo habituais no interior. As máximas si tenderán a baixar lixeiramente.
A partir do xoves, o alivio térmico que se experimenta ao mediodía desaparecerá. Unha masa de aire frío de orixe ártica invadirá a comunidade. Ese aire xélido atópase agora mesmo escorregando polo continente europeo, onde está a xerar un intenso temporal. Cando chegue a Galicia perdería toda a humidade.
Carlos Otero, meteorólogo de Meteogalicia: "O anticiclón desprázase lixeiramente cara ao norte e permite a entrada de aire frío das capas medias. Ese aire frío fará que se modulen sobre todo as temperaturas máximas, as máximas neste momento nas zonas despexadas, onde non hai néboas, en Galicia están preto dos 15 graos, e xa para o xoves teremos máximas moi pretiño dos dez graos".
Non se espera neve ou un cambio substancial no estado do ceo. Seguirá moi despexado e provocando que o mercurio caia en picado en canto o sol se pon. As mínimas manterán unha dinámica descendente e parece probable que se rexistren valores máis baixos. O frío polar farase notar sobre todo de día. A previsión apunta a unha caída das temperaturas máximas.
Carlos Otero, meteorólogo de Meteogalicia: "Situación propia do inverno, o que si non é tan habitual é esta continuidade da estabilidade. Levamos dende antes de comezo de ano cunha situación de anticiclón bloqueando a entrada de borrascas e as previsión a medio prazo, a metade do mes de xaneiro continuamos con esta situación. Así é que iso pode saír un pouquiño do habitual".
Hai que engadir, ademais, que o vento, practicamente ausente ata agora, comezará a soprar con máis forza e aumentará a sensación de frío, con valores que poderían estar incluso por baixo do que indiquen os termómetros. Os principais modelos meteorolóxicos coinciden en que ese aire polar quedará en Galicia polo menos ata o domingo.
A néboa non abandona desde hai días algúns concellos da provincia de Lugo
Desta volta, un pouco máis alta, pero aí está a néboa. Dende hai días non falta á súa cita en concellos como o de Lugo ou os do sur da provincia, como este de Monforte de Lemos. A súa presenza é constante e mesmo impide durante días ver o sol.
A néboa fai que a sensación térmica sexa aínda inferior e iso que xa vai frío dabondo. Os mercurios chegaron a baixar en Monforte ata case os sete graos baixo cero. Non é de estrañar que se conxelen as augas do río Cabe ao seu paso pola vila. Aínda que algúns se enfrontan con valentía ao frío, ao resto dos mortais non lles queda outra que abrigarse ben para escorrentalo.