O Xirona sorprende e gaña no Bernabeu ao Real Madrid
Vivía o Real Madrid instalado na felicidade nos últimos tempos, cos ánimos polas nubes e coa sensación de que estaba para pelexar por todo. Incluída unha liga que despóis do acontecido hoxe no Bernabéu complícaselle demasiado. Nada facía pensar nun tropezo ante un Xirona deprimido que levaba catro derrotas consecutivas. E máis, vendo o acontecido no primeiro tempo.
Malia os múltiples trocos introducidos por Solari, o Madrid dominou con suficiencia e, sen grandes alardes, marchou ao tempo de lecer con vantaxe grazas a un gol de Casemiro no minuto 25. Boa cabezada do brasileiro tras un centro de Toni Kroos. Certo é que o Xirona deu algún susto, pero os brancos tamén tiveron opcións para aumentar a diferenza.
Todo cambiou no segundo tempo, aínda que a primeira aproximación foi para os madridistas. O dobre troco realizado por Eusebio Sacristán, dando entrada a Aleix García e o Choco Lozano, deulle un plus en ataque ao seu equipo. Eles dous foron os protagonistas da primeira grande ocasión da reanudación. Courtois primeiro e un erro tremendo no remate despois fixeron que o Madrid se salvara polo momento. Pero o Xirona insistiu, e logrou empatar no minuto 65 logo dun penalti cometido por Sergio Ramos. Man, cartón amarelo para o central e transformación da pena máxima por parte de Stuani. O gol, lonxe de activar de novo aos brancos, deulles máis confianza aos cataláns, que buscaron sen descanso aproveitar o seu momento. E foi decisiva a achega de Portu, sempre moi superior ao discutido Marcelo. Un disparo seu ao pau serviu de aviso.
O Madrid estaba desbordado. E así, e malia a imponente presencia de Courtois, acabou chegando o un a dous. No minuto 75, e despois dun primeiro disparo de Lozano, Portu marcaba o gol definitivo do choque. Xusto premio ao visto na segunda metade. De aí ao final, varios intentos madridistas, algúns á desesperada, como a chilena que intentou Ramos e que lle custou o segundo cartón e a expulsión no minuto 90. No engadido, unha cabezada de Courtois, sumado ao ataque, foi a última oportunidade para os de Solari, que despois da derrota quedan a nove puntos do Barça.
O Xirona respira e toma catro puntos de vantaxe respecto ao descenso.