CRTVG

Buscar

O xerente do Sergas sitúa no 2 de outubro o final das vacinacións masivas de segundas doses

Publicado o 28/09/2021 17:05
EP

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores Arias, estima que o próximo 2 de outubro concluirán as "vacinacións multitudinarias" de segundas doses contra a covid-19, tras o que terminará "o uso desas grandes áreas de vacinación". Así o manifestou Flores a preguntas dos medios con motivo dunha visita ao centro de saúde de Abegondo (A Coruña), onde ratificou a "idea de, neste momento de vacinación", cunha cobertura "moi ampla" en Galicia, "ir desmantelando ou pechando eses centros".

Por iso, o xerente do Sergas explicou que manteñen a posibilidade de recibir a vacina contra a covid-19 nos 14 hospitais galegos esta semana sen cita, de 9,00 a 21,00 horas. "Imos deixar terminar esas vacinacións multitudinarias de segundas doses", explicou para, cando ocorra "o día 2 de outubro na última área sanitaria", matizou, "terminar co uso desas grandes áreas de vacinación". Galicia conta con 2.254.456 persoas con pauta completa, despois de concluír o proceso outras 386, que representan o 91,85 por cento da poboación diana está inmunizada e un 83,49 % dos cidadáns residentes na Comunidade. 

O xerente do Sergas fixo estas declaracións durante a súa visita ao concello de Abegondo, onde está previsto construír un novo centro de saúde. A Xunta licitará nos vindeiros días a redacción do proxecto desa infraestrutura coa que se dá resposta ás actuais necesidades asistencias dos veciños.

Noticias web

28/09/2021