CRTVG

Buscar

O xeo causa un accidente múltiple na Baña con oito vehículos implicados e dous feridos

Publicado o 04/01/2021 12:27

O mal tempo provocou un accidente na estrada que une Santa Comba con Santiago. O tráfico estivo cortado unha hora á altura da Baña por un choque en cadea á primeira hora en que se viron implicados oito vehículos. Un dos carrís estivo a metade da mañá inoperativo ata que retiraron un camión cisterna da cuneta.

Eran as sete e media e na estrada había a circulación propia dun día de traballo. Cando os condutores e condutoras chegaron a un cambio de rasante no quilómetro 20 a altura do concello da Baña o intenso frío converteu a choiva en neve e o asfalto nunha pista de patinaxe. Un coche saíuse da estrada varios vehículos, uns seis, conseguiron parar. Outros que chegaron despois esquiváronos pasando polo carril esquerdo. Pero despois apareceu este camión cisterna e comezou a desfeita. Oito tiveron que esperar polo guindastre.

Unha condutora di que "estaba nevando, había varios coches parados e demos parado os primeiros. O que me deu a min non puido parar e eu dinlle ao de diante e foi un caos a partir de aí. Nese momento nevaba moitísimo e o xeo era brutal".

Outra que ía para traballar a Portomouro detrás do camión de gasóleo explica que "comezou a frear porque había moita neve na estrada. Pero era imposible, os coches non freaban. Había coches parados aqui e fumos batendo uns noutros".

Houbo dúas persoas feridas leves. Dúas ambulancias levaronas ao centro médico. No lugar queixábanse de que non pasou a máquina quitaneves esparexendo sal ata unha hora despois do accidente. 

"Xa non baixamos dos coches porque non podías, era botar un pé e non podías. Os que saíron fóra estaba aí na leira".

Ao lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico e de Proteción Civil de Val do Dubra. A estrada estivo parcialmente cortada boa parte da mañá.

Noticias web

04/01/2021