CRTVG

Buscar

O Xacobeo dobre anima os que teñen negocios en Compostela

Publicado o 01/01/2021 14:01

Josefina será unha das beneficiarias deste Xacobeo dobre. Abriu o bar un ano Santo, o do 65. Máis de medio século co negocio, que agora rexenta o seu fillo. Os máis veteráns da zona. A vinte metros da catedral, leva visto pasar 8 xacobeos, pero ningún tan extraordinario coma o que acaba de comezar.

Josefina Rodríguez Rivas: "Ai, meu Deus, fai moita falta. Aquí en Santiago o ano Santo é a industria que temos e un ano non lle dá para vir".

Ela xa cruzou a Porta Santa, onte, en canto se retiraron as autoridades. Hoxe foron máis os que cumpriron o ritual. Veciños da cidade, porque apenas hai peregrinos e aínda menos turistas

"A xente estaba na cama aínda durmindo así que aproveitei para dar un paseo e, de paso, entrei. E xa estou contenta de ter entrado", comenta unha veciña de Santiago.

Non hai présa. Quedan dous anos para facelo, sen agobios nin aglomeracións, pero coa expectativa de que a cousa se vaia animando co tempo.

"Paréceme moi ben e moi necesario para a cidade, para nós e para todo o contorno porque toda Galicia se vai beneficiar disto", di outra muller.

Iso espera tamén Toño. É guía oficial de turismo no camiño de Santiago e o traballo escasea. Bota en falta, por riba de todo, as vivencias do camiño e celebra que o Xacobeo se prolongue ata 2022: "Facilitarlle á xente que este ano non poida vir por diferentes motivos -económicos, sanitarios, por restricións...- darlle a oportunidade de viren en 2022".

Máis prazo, sobre todo, para os que veñen de máis lonxe: "É unha oportunidade. Coa pandemia sabemos que imos estar seis meses esperando e os peregrinos de Latinoamérica -eu son de alí- non tiñan a posibilidade que agora se lles abre cun ano máis de Xacobeo".

Tempo tamén para actualizar unha cartelería que acaba de quedar obsoleta nada máis comezar.

Noticias web

01/01/2021