CRTVG

Buscar

O xabaril cébase coa uva da Ribeira Sacra

Publicado o 31/08/2020 20:50

Viticultores da Ribeira Sacra denuncian perdas de ata o 30 por cento na produción dalgunhas vides por culpa do xabaril. 

 "Mira, aquí xa se ve que andou hoxe, fresco. Foi hoxe á mañá ou pola noite".

Cada vez que Juan vén á vide, toca valoración de danos. Calcula que perderá un trinta por cento da colleita por mor do xabaril.

Juan Vázquez, viticultor da Ribeira Sacra: "Despois de loitar contra o oidio, contra o míldium... agora vén esta praga e non podes facer nada, porque non deixan nada. Só ganas de non traballar".

Os xabarís da Ribeira Sacra teñen nome propio. Chámanlles 'vakamulos' polas súas extraordinarias dimensións, tras anos de impunidade e boa alimentación.

"En principio, ao xabaril non lle gusta moito o godello pero este ano, como debe andar famento, xa pegou nel tamén. E parcela arriba, xa vén a mencía que lle gusta tanto que deixa estragos grandísimos. E non é só que coma, é que estraga: estraga a poda do ano que vén, é capaz de tirar paredes para buscar a comida... é coma un bulldozer, por onde entra estraga todo", explica Juan.

Probaron con radios nas viñas, canóns de ruído, pastores eléctricos, vixías nocturnas... Pero din que nada funciona. Pídenlle unha maior implicación á administración na procura dalgunha saída que conxugue a protección da fauna coa supervivencia dos viticultores.

Noticias web

31/08/2020