CRTVG

Buscar

O volcán da Palma causa ducias de sismos e ordenan a evacuación de 300 persoas

Publicado o 14/10/2021 14:25

Vinte e seis días despois de entrar en erupción, o volcán Cumbre Vieja non dá signos de esgotamento e continúa botando lava, que cobre xa 680 hectáreas, case o dez por cento da superficie total da illa da Palma. A proximidade da coada norte obrigou a desaloxar un novo barrio dos Llanos de Aridane e a illa rexistrou durante a noite 60 sismos.

O incremento da sismicidade na illa da Palma parece ir parella ao da actividade do volcán Cumbre Vieja, que non dá tregua despois de vinte e seis días de erupción. Desde a pasada medianoite rexistráronse un total de 60 tremores na zona sur da Palma, un deles de 4,5 graos, o de maior magnitude ata agora.

O avance da lava da coada norte do volcán obrigou a desaloxar un novo barrio do concello dos Llanos de Aridane. Son 15 veciños os que tiveron que abandonar os seus fogares case co posto. Este mediodía a orde de evacuación chegoulle a outros 300 residentes da zona comprendida entre o barrio da Laguna e o veciño concello de Tazacorte, que si terán tempo de recoller as súas pertenzas.

A erupción do Cumbre Vieja non dá síntomas de cansazo e todos os indicadores manexados polos vulcanólogos, sobre todo as emisións de dióxido de xofre, apuntan a que podería prolongarse no tempo.

A lava das tres coadas cobre xa 680 hectáreas, preto do dez por cento da superficie total da illa, e ocupa unha fronte de case dous quilómetros de ancho. Segundo os datos dos satélites, hai 1.500 construcións afectadas, unha cifra que se reduce a algo máis de 900 se se compara co rexistro do catastro.

Noticias web

14/10/2021