CRTVG

Buscar

O volcán da Palma entra nunha fase máis explosiva e a lava avanza cara ao mar

Publicado o 22/09/2021 12:32

• O Cabido permite aos veciños de Todoque unha última oportunidade para salvar o que poidan | O concello de Los Llanos de Aridane abre unha conta para donativos | Sinal en directo

A lava continúa avanzando ladeira abaixo, aínda que a unha velocidade moito máis lenta, din que porque o magma vai arrefriando e hai menos inclinación do terreo. Aproximadamente avanza a menos de 200 metros por hora. Segundo os expertos, entrouse nunha nova fase, máis explosiva. A novena boca, a última en abrir, é moi activa. 

A deformación acumulada na superficie próxima á zona da erupción ascende a uns 28 centímetros, é o que aumentou o nivel da illa, o dato que demostra a tensión dentro da cámara interior do volcán e que permite vaticinar que vai seguir habendo erupción. 

A presión do magma, unida aos tremores que non cesan, fai previsible que poidan abrirse novas bocas nas próximas horas.

Segundo os últimos cálculos, a lingua de lava esténdese xa por máis de cen hectáreas e quedan menos de dous quilómetros para alcanzar o mar, inda que é difícil calcular cando será. 

No seu avance destrutor, preto de duascentas vivendas, un colexio, múltiples infraestruturas xa quedaron engulidas pola lava.

Os bombeiros, desprazados nesta illa canaria, comezaron esta noite unha operación desesperada: intentar canalizar cara a un barranco unha colada que avanza en dirección á vila de Todoque. Con excavadoras están tratando de abrir unha zona sen obstáculos para que o río de lava colla ese camiño. Con todo, recoñecen que guiar a lava non é doado, e non saben se servirá.

Nova oportunidade para recuperar documentación ou aveños

Todoque ten 1.310 habitantes. Durante este martes as autoridades permitíronlles ir ás casas para recoller o que quixesen recuperar, sempre baixo a supervisión dos equipos de emerxencia.

Este mércores á mañá, ante a lenta evolución da lava, o Cabido da Palma permitiulles unha última oportunidade para salvar o que puidesen. Os veciños poden acceder ás vivendas que aínda seguen en pe para poñer a salvo aquelo que estimen necesario. A idea inicial é que poidan facelo xa esta mañá e ata as 21:00 horas.

Farase de "maneira selectiva" e baixo o control das autoridades que lles piden disciplina aos veciños para evitar problemas, e mentres se vixía a evolución da colada xa que "non avanza a unha velocidade uniforme" e "podería variar en calquera momento".

O presidente canario, que xa mantivo contactos coa Unión Europa para poder acceder a fondos de cohesión adicionais, calcula que os danos serán millonarios. O presidente do Goberno anunciaba, antes de viaxar a Nova York, que o executivo xa traballa para declarar A Palma zona de emerxencia e que lles pediu aos bancos que poñan vivendas baleiras á disposición dos evacuados. Sánchez volverá este xoves á Palma para acompañar os reis na súa visita á illa.

 

Noticias web

22/09/2021