CRTVG

Buscar

Aumenta a sismicidade na Palma e catro centros de emisión alimentan as coadas

Publicado o 24/10/2021 17:24

Os expertos pensan que a alta sismicidade das últimas horas na Palma, e a súa profundidade, permiten pensar que o final da erupción do Cumbre Vieja podería estar máis próximo. Este domingo abriuse no sur do volcán unha nova coada, coa que xa son once as correntes de lava que flúen pola zona.

A erupción do Cumbre Vieja, que segue traendo a desgraza para os palmeiros afectados, converteuse xa nunha atracción turística que atrae centos de curiosos que queren ver o que ten de espectáculo a forza da natureza.

Unha forza que puido comprobar un garda civil que estaba medindo a calidade do aire cando foi sorprendido por un vendaval, tecnicamente denominado corrente de convección, provocado polas altas temperaturas que hai nas proximidades do volcán.

Nas últimas doce horas foron claramente perceptibles na zona máis de 80 sismos, aínda que só un deles superou os catro graos de intensidade. A novidade con respecto a xornadas anteriores é que os tremores producíronse case todos a unha profundidade considerada intermedia, de entre os dez e os quince quilómetros.

Os expertos pensan que se se mantén a redución do número de sismos a gran profundidade, iso permitiría pensar que o final da erupción podería estar máis próximo.

Polo momento o único certo é que o volcán segue expulsando lava en grandes cantidades, que alimentan once coadas, a última das cales foi localizada esta mañá na zona sur do Cumbre Vieja. Unha das coadas segue ameazando o barrio de La Laguna. A lava xa cobre nestes momentos case novecentas hectáreas da illa da Palma, ao tempo que segue incrementando a cornixa creada mar a fóra.

Noticias web

24/10/2021