CRTVG

Buscar

O volcán da Palma intensifica a súa actividade e expulsa maior cantidade de lava

Publicado o 15/10/2021 14:20

O volcán da Palma intensifica a súa actividade e expulsa maior cantidade de lava que descende a maior velocidade, sobre todo pola coada norte.

Mentres na zona sur da illa rexistrase, por segunda xornada consecutiva, un sismo de 4,5 graos de magnitude. Como as ondas dun tsunami, así se comporta nas últimas horas a lava que expulsa o volcán de Cumbre Vieja na illa da Palma.

Impresionados pola velocidade que adquire o magma no seu descenso, os vulcanólogos reclaman maior atención á coada situada máis ao norte e que obrigou a desaloxar os 300 veciños do barrio da Laguna.

A proximidade da lava levou o Cabido a suspender a entrada dos desaloxados por un dos pasos habilitados para que poidan completar a retirada dos seus útiles. O número total de evacuados achegase xa aos 7.000.

Por segunda xornada consecutiva, os sismógrafos rexistraron no sur da illa un novo tremor de 4,5 graos, os de maior magnitude desde que comezou a erupción do volcán.

"Vibran as fiestras, as portas". "E un ponse nervioso porque non se sabe. Aínda que as autoridades din unha cousa, pero isto non é seguro que será o que vaia pasar".

Un barco, cargado con sete millóns e medio de litros de auga, chegou á zona para abastecer as plantacións que quedaron sen rego ao inutilizar a lava as conducións.

O Goberno canario anuncio que o próximo luns se retomarán as clases nos centros educativos dos tres concellos afectados pola erupción do volcán da Palma.

"Estamos desbordados con esta situación, máis a prolongación no tempo, á xente cústalle durmir, ten estados de ansiedade".

Noticias web

15/10/2021