CRTVG

Buscar

O volcán da Palma entra na sexta semana de erupción con forza renovada

Publicado o 25/10/2021 14:17

O volcán da Palma entra na súa sexta semana de actividade a toda velocidade, expulsando máis lava, gases e cinzas.

Unha nova coada discorre en dirección sur por terreos que aínda non estaban afectados pola erupción.O volcán de Cumbre Vieja na illa da Palma entrou na sexta semana de erupción cun importante incremento da súa actividade.

O colapso parcial do cráter propiciou a apertura de dúas gretas e unha quinta boca pola que flúe gran cantidade de magma conformando unha nova coada.

"Vén pegada á coada primixenia, a coada número 1, e que denominamos agora coada 10. Está avanzando e atópase próxima (ao barrio) do Corazoncillo aínda que os últimos datos indican que está parada nestes momentos".

Este aumento da actividade tradúcese nunha maior emisión de gases a atmosfera que os especialistas do grupo de intervención en emerxencias tecnolóxicas e medioambientais da UME encárganse de monitorizar.

As medicións fanse catro veces ao día en 12 puntos distintos das coadas e a unha distancia de entre 50 e 100 metros.

"Porque non nos interesa tampouco a medición exacta á beira, no muro da coada. Interésanos unha medición a 50-100 metros para ver que tipo de aire nun momento dado podería ir nunha dirección onde haxa xente traballando".

As coadas cobren 900 hectáreas da superficien da illa e destruíron, total ou parcialmente, máis de dous mil edificios.

Noticias web

25/10/2021