O volcán Cumbre Vieja racha unha vez máis e provoca novas coadas de lava
Despois de vinte días de erupción, o volcán Cumbre Vieja entrou nunha fase de estabilidade, segundo di o persoal técnico. Pero a súa opinión non tranquiliza unha poboación que sufriu polo menos 37 sismos nas últimas 24 horas, e que esta madrugada viu como parte dun cono secundario rompía e provocaba novas coadas de lava, que avanzaron inicialmente a gran velocidade pola zona norte, arrasando zonas industriais que xa estaban evacuadas hai días.
Polo momento, as nubes de cinza e gases dificultan a actividade do aeroporto da Palma, onde compañías como Vueling suspenderon os seus voos. A calidade do aire na illa segue sendo cualificada de regular, xa que pode ocasionar problemas ás persoas con dificultades respiratorias. A lava que sae do volcán xa cobre 480 hectáreas, e afectou ou destruíu máis de mil cen edificios e infraestruturas.
Amais dos efectos das novas coadas de lava, os especialistas teñen medo agora de que a cornixa de centos de metros de longo, formada pola lava solidificada ao entrar en contacto coa auga fría do mar, poida romper e ocasionar estoupidos, emisión de gases e grandes ondas.