CRTVG

Buscar

Reflotan de madrugada o cerqueiro Virxe dos Milagres, que encallara na costa de Foz

Publicado o 04/06/2021 04:22
Reflotan de madrugada o cerqueiro Virxe dos Milagres, que encallara na costa de Foz

Á segunda foi a vencida, e o cerqueiro Virxe dos Milagros está xa amarrado no seu porto, o de Burela.

Fracasado o primeiro intento de sacalo das rochas en que embarrancara en Nois, no veciño municipio de Foz, a previsión era volvelo tentar esta madrugada, aproveitando de novo a preamar. Finalmente adiantouse esa segunda tentativa que, desta volta si, deu resultado, para alivio da tripulación e do armador, que agradeceron o traballo de Salvamento Marítimo.

O barco non presenta danos graves

O Virxe dos Milagros foise contra as pedras na madrugada de onte por causas que aínda se descoñecen. Polo que transcendeu, estaban buscando algún banco de peixe pola zona cando o cerqueiro colleu un rumbo de varada ata que acabou encallando.

Os seus dez tripulantes foron rescatados: a oito recolleunos da balsa salvavidas o pesqueiro A Costa de Lugo, que os levou a terra; ós outros dous, o patrón e o encargado da máquina, evacuounos o helicóptero Pesca 2, con base en Viveiro. Todos están fisicamente ben.