CRTVG

Buscar

O virus pode sobrevivir horas nas embalaxes, pero o risco de contaxio considérase mínimo

Publicado o 25/08/2020 14:25

O virus que causa a covid-19 pode sobrevivir unhas tres horas en papel, ata 24 en cartón e uns tres días nos plásticos. Hai estudos que avalan esta afirmación, pero iso si, con puntualizacións: "Son probas de laboratorio feitas nunhas condicións moi específicas e cunha carga viral moi elevada, que non é o habitual cando se produce unha contaminación fortuíta dunha superficie", aclara Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía da USC. 

Outra aclaración é que, malia que falemos deses tempos máximos de supervivencia do virus, o importante é saber que a vida media é moito menor. Vai perdendo forza e, con iso, capacidade de contaxiar. Segundo López Romalde, cada vez que transcorren hora e media ou dúas horas, a carga viral no papel redúcese "á metade", e en cada ciclo "vaise reducindo moitísimo o risco de transmisión".

En todo caso, e como o risco cero non existe, as recomendacións que fai o catedrático son as que levamos meses interiorizando: "Se se manteñen as condicións de ventilación ou de renovación de aire, medidas de hixiene, etc, o risco diminúe moitísimo. Se se queren extremar as medidas de hixiene, poderíase desinfectar o paquete ou deixalo un tempo en corentena, e xa está".

O risco de transmisión do virus por superficies considérase mínimo, e lavar ben as mans segue sendo o mellor consello para protexerse.

Noticias web

25/08/2020