CRTVG

Buscar

O coronavirus deixa un rastro de máis de 700.000 mortos en todo o mundo

Publicado o 05/08/2020 13:49

A pandemia deixa xa máis de 700.000 mortos en todo mundo e América Latina é agora a rexión máis afectada.

En Australia dispáranse as alarmas porque varios centos de persoas que deran postivo e que estaban obrigadas a confinarse marcharon das súas casas. Primeiro foi o confinamento, logo o toque de queda e desde esta noite peche dos comercios non esenciais.

Toda unha batería de medidas acompañadas da mobilización doutros cincocentos militares e multas de ata 12.000 euros coas que o Goberno australiano trata de frear o incumprimento das restricións.

Nas últimas horas sóubose que unhas 800 persoas que deran positivo en Melbourne e obrigadas a confinarse non estaban na casa cando acudiron os inspectores sanitarios.

O país que liderou con éxito a batalla contra o coronavirus nun primeiro momento vese incapaz agora de frear esta segunda vaga da enfermidade.

O virus deixa xa un rastro de máis de 700.000 mortos en todo o mundo e a América Latina como a zona máis afectada. A pandemia fixo que proliferaran na rexión todo tipo de negocios.

Mentres, en Europa todas as miradas están postas agora no regreso ás escolas. Os científicos británicos alertan de que ou se mellora o sistema de rastrexo dos contaxiados ou o país terá que afrontar unha nova vaga da enfermidade a partir de setembro.

 

Noticias web

05/08/2020