O virus da covid-19 flota "vivo" no aire e pode contaxiar a unha maior distancia, segundo un estudo

O virus da COVID-19 non só flota no aire, senón que está alí "vivo", e ademais pode contaxiar a unha distancia maior de 1,8 metros, segundo un estudo da Universidade da Florida, que primeiro tivo que atrapar o patóxeno sen matalo para poder chegar a esa conclusión, segundo explican o virólogo John Lednicky e a química Arantza Eiguren-Fernández.
"Se (unha persoa) detecta un SARS- CoV-2 viable ("vivo") no aire, iso significa que existe o risco de desenvolver a covid-19 se inhala ese aire. Ata o de agora, outros recolleran o virus do aire, pero non puideron cultivalo (sen matalo). Normalmente, trátase dun problema técnico", precisou Lednicky.
Indicou que moitos dos virus que flotan no aire non son viables. "Están 'mortos' debido á luz ultravioleta da luz solar, ou talvez porque se secaron, ou porque hai químicos no aire que os inactivan, ou unha combinación destes", subliñou Lednicky, quen liderou a investigación de UF.
Lednicky salientou que xa se sabía que o virus podía "flotar" no aire, pero que o importante da súa investigación "é que demostramos que o virus é viable ("vivo", que pode infectar), porque un SARS- CoV-2 morto non causará covid-19".