CRTVG

Buscar

O VIII Carballo Interplay revisa as últimas tendencias creativas na Rede

Publicado o 09/09/2021 16:12

Un ano máis, e xa van oito, o Carballo Interplay pon o foco nas últimas tendencias de todo o que se move en Internet. En TikTok, en Twitter, en Twitch... Saben ben que as plataformas dixitais están infestadas de noticias falsas ou de mensaxes totalitarias, pero din que iso non pode ensombrecer todo o bo que tamén se move na Rede.

"Nós seguimos pensando que Internet é un sitio fantástico e que hai un montón de xente que está facendo cousas para cambiar o mundo, dende a militancia, dende o activismo, dende a conciencia social, dende a política, a ilustración, o audiovisual", explica Sonia Méndez, a directora do Carballo Interplay.

O mellor de todo iso a nivel global verase e debaterase en Carballo ata o domingo. Hoxe é a quenda dos creadores galegos. "O día de hoxe é dedicado á creación galega en Internet; a cal é o panorama actual e cales son os retos do futuro", di Alba Mancebo, xefa do departamento de Extensión Audiovisual da CRTVG e moderadora dunha das mesas de debate do Interplay. "E sobre todo para os novos creadores que se queiran animar agora cas novas redes, con Tik Tok, con Twitch..., que non teñan medo, que se a sua língua do día a día é o galego, pois tamén o pode ser en Twitch", recalca Esther Estévez, presentadora do 'DígochoEu', o espazo de divulgación do galego da CRTVG que tamén ten unha gran difusión nas canles dixitais.

Pola mañá primaron os debates e pola tarde será o momento das series, incluída a selección dos novos proxectos que optan aos fondos para arrincar a produción. 

Noticias web

09/09/2021