CRTVG

Buscar

O Vicedo e Portomarín, concellos irmandados polo son das campás

Publicado o 05/05/2021 21:27

Repica en Portomarín a campá da Liberdade. Instalouse neste punto clave da vila coa saída do confinamento coa idea de promover o turismo na zona.

"A xente necesita cando colga algo nas redes que o sitúen, ter un marco detrás. Eu vexo que é en Instragram e Twiter, onde se moven os peregrinos do Camiño Francés, que é xente de todo o mundo. Ao final cando ves unha foto nas redes pregúntaste de onde é e créache a necesidade de ir", sinala o alcalde de Portomarín Juan Serrano.

Portomarín irmandouse co Vicedo e agora hai outra campá semellante na costa lucense. Ambos municipios queren compartir os seus peregrinos, turistas e visitantes e botaron a andar unha curiosa iniciativa ao son das badaladas. Aquí non se pode repicar en balde porque quen faga soar as campás asume un compromiso.

"Toca vostede esta campá do Vicedo e está obrigado a ir a Portomarín ou se toca en Portomarín terá que vir coñecer o Fuciño do Porco", explica o alcalde do Vicedo Jesús Novo.

Polo momento son dúas as campás que resoan, pero os promotores da iniciativa xa recibiron peticións doutros concellos para sumarse á esta irmandade.