O veto dos independentistas a pactar con Illa sacode a campaña catalá
O compromiso por escrito dos independentistas para non formar goberno co PSC tras o 14-F sacode a campaña catalá. Para o candidato socialista, Salvador Illa, "é a foto de Colón do independentismo. É a perpetuación da confrontación, o odio, a division, a decadencia en Cataluña".
Por Junts asinou Laura Borrás, pero por Esquerra non o fixo Pere Aragonès, senón o voceiro da formación, Sergi Sabriá. Borràs, moi crítica co apoio dos republicanos ao PSOE en Madrid, deixa a dúbida no aire: "Non son eu quen ten que dicir o que ten que facer cadaquén, todos saberán se a súa sinatura ten ou non ten credibilidade ou porque non se asinan as cousas en primeira persoa ou se delegan nalgún outro". Responde o candidato de ERC, Pere Aragonès, que "cada un dos representantes de Esquerra Republicana representa a todos. Polo tanto, quen asinou é irrelevante, non hai ningún problema en que eu tamén podo asinar".
Dúbidas tamén as de PP e Ciudadanos, á vista doutros precedentes. Carlos Carrizosa, de Ciudadanos, lembra que "se manteñen os pactos en toda Cataluña con Junts per Catalunya e con Esquerra por parte do Partido Socialista, seguen en todos os concellos, seguen na Deputación de Barcelona". Alejandro Fernández, do PPC, di que "o de onte é unha comedia, pero segue vixente sobre todo a través do acordo da mal chamada mesa de diálogo".
PP e Ciudadanos tamén se preguntaron que ten que ocultar Illa para non querer facer a proba da Covid no último debate na televisión catalá. Difunden a sospeita de que pode estar vacinado, a pesar de que estas probas non o revelarían e da negativa explícita do exministro de Sanidade.