CRTVG

Buscar

O verán, época propicia para a proliferación de insectos e parasitos nos animais

Publicado o 30/06/2021 15:06

Un paseo polo monte ou por un parque, con mascotas ou sen elas, pode supoñer volver á casa con acompañantes indesexables. Pulgas ou carrachas hai todo o ano, pero a calor favorece a reprodución de parasitos e insectos.

"A pulga xa transmite enfermidades e parasitos internos. Xa só por iso é importante eliminalas, non só polo picor, as alerxias... E a carracha é máis grave porque transmite enfermidades que son moi graves e potencialmente mortais se non se tratan, tanto en cans como en persoas", di Ana Cadavid, veterinaria da protectora Os Palleiros.

Estes cans do refuxio dos Palleiros, en Pontevedra, están sans. Aquí desparasítanos durante todo o ano, tanto interna como externamente. E aconsellan facer o mesmo nas nosas casas.

"Que o teñan sempre con pipetas, pastillas, con prevención contra este tipo de bichería, e, aínda así, que o revisen ao chegar á casa. A prevención que facemos é para que os parasitos morran, pero pode dar tempo a que inoculen algunha enfermidade. Revisalos ao chegar á casa non está de máis".

Un animal infestado ten síntomas dunha anemia aguda. Hai que tratalo para que o desenlace non sexa fatal. E non esquecer que, aínda que non haxa mascotas, en calquera terreo pode haber unha praga de parasitos causada por roedores ou outros animais.


 

Noticias web

30/06/2021