CRTVG

Buscar

O verán acaba con 191 mortos nas estradas españolas, a menor cifra da historia

Publicado o 03/09/2021 12:42

O verán, no referente aos meses de xullo e agosto, rematou con 191 mortos nas estradas españolas, a cifra menos tráxica de falecidos desde que existe un rexistro de sinistralidade. E iso a pesar de que se recuperou o número de viaxes a niveis previos á pandemia da covid−19, con 90,8 millóns de desprazamentos en xullo e agosto.

O ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska, acompañado polo director xeral da DXT Pere Navarro, presentou este venres o resultado de sinistralidade deste verán e explicou que son 11 falecidos menos que en 2020 e 24 menos que en 2019. O ministro explicou que o 2019 é o ano que se toma como referencia, pois o pasado estivo marcado pola pandemia.

"Non debemos caer no  triunfalismo: 191 falecidos son moitos, demasiados", deixou claro Grande-Marlaska, quen, con todo, recoñeceu que a estatística "é menos mala" do que se esperaba.

Durante xullo contabilizáronse 95 accidentes mortais con 99 vítimas e en agosto producíronse 83 sinistros con 92 falecidos, cinco máis que o ano pasado. Con todo, destacaron que en agosto houbo cinco días en que non houbo vítimas mortais nas estradas españolas.

As estradas convencionais volven ser o escenario de máis sinistros mortais, en concreto tres de cada catro, nos que pereceron 138 persoas. As causas dos sinistros tamén son as habituais: saídas de vía na maioría de casos, exceso de velocidade e choques frontais.

E aínda que diminúen en total as vítimas no colectivo de usuarios vulnerables un 30 por cento pola redución das mortes de motoristas —48 falecidos, 21 menos que en 2019— e ciclistas —seis mortos, catro menos—, tanto Marlaska como Navarro mostraron a súa preocupación polo aumento de peóns mortos, 23 persoas, o cal supón nove máis que hai dous anos.

Marlaska lamentou que un de cada catro falecidos en turismo e furgoneta non facía uso do cinto de seguridade (25 falecidos) e que dos dous nenos falecidos, un non utilizaba ningún accesorio de seguridade.

Noticias web

03/09/2021