CRTVG

Buscar

O vento e a chuvia deixan importantes estragos en plantacións de millo

Publicado o 04/10/2021 14:03

A colleita de millo este ano presentábase moi boa ata que chegaron unhas horas de chuvia e vento fortes que lle quitaron esplendor. A adversidade atmosférica do sábado a primeiras horas do domingo acabou con moitas plantas tombadas e, en consecuencia, perdas para o uso forraxeiro ou para a obtención de gran. Mazaricos e Dumbría, dous concellos con moitas hectáreas de millo, son dos máis afectados.

Julio cultiva millo do país en Olveiroa, Dumbría e di que "do sábado para o domingo houbo un temporal enorme. E, xa ves, tirou con todo. Está todo tirado no chan. Nós temos un pouco para coller para que coman as galiñas e, xa ves, está tirado. Non vale para nada. E agora, a recoller os estragos que deixou o tempo".

Conta Julio que agora se complica a recollida e o caído acabará podrecendo.

Unha mágoa, que desloce unha perspectivas moi boas cando estaban a empezar os traballos de colleita do destinado a forraxe, pero coa inmensa maioría aínda nas leiras: "A colleita este ano é tremenda, cun millo boísimo, moi grande. Unha colleita enorme. Os que o colleron a semana pasada entre o xoves e o venres zafaron ben. E agora queda tirado".

Os que dispoñían da maquinaria apuraron xa onte a colleita do forraxeiro, pero o que vai para gran aínda precisa uns días máis plantado, para que as mazarocas alcancen o seu punto óptimo.

Noticias web

04/10/2021