CRTVG

Buscar

O vento e a choiva acompañarannos durante estes días

Publicado o 19/01/2021 14:23

O sol agasallounos onte cun comezo de semana pracenteiro, o vento era frouxo e as temperaturas máximas ascenderon un pouquiño. Foi unha xornada solleira en toda Galicia.

"Eu gocei moito porque me gusta moito o sol e polos menos puiden pasear e tomar un pouquiño o sol", conta un veciño de Santiago, que asegura que "agora hai que prepararse para somerxerse coa auga que vai vir".

Porque se acabou o goce, tomar algo nunha terraza xa se aproxima a un acto heroico porque hoxe o vento é o gran protagonista. E acompañando o vento chega tamén a choiva. Asomará pola tarde e para a noite xa se esperan precipitacións en toda Galicia.

Diego Viaño, de 'O tempo TVG', explica como "as borrascas están moi preto da nosa área de influencia e vannos arrastrar moito vento de compoñente sur e frontes moi activas que deixarán sobre todo auga nas comarcas próximas ao litoral atlántico, con especial incidencia na provincia de Pontevedra".

Hai que prepararse para o vento e a choiva, sobre todo aquelas persoas, cada vez máis, que consideran que, nesta situación de pandemia, a andaina é unha prioridade. Ao mal tempo, boa cara e a camiñar.

"Teremos que amolarnos na casa e se non é un vendaval tremendo, máis abrigados, máis protexidos para a chuvia e para o vento e listo", di unha veciña de Santiago de Compostela.

A chuvia e o ceo cuberto quedarán con nós esta semana. As temperaturas non van mudar demasiado, pero será o vento o que condicione a sensación térmica.

Noticias web

19/01/2021