CRTVG

Buscar

O vento complica a extinción do incendio que se adentrou no Parque Nacional do Teide tras arrasar 1.600 hectáreas

Publicado o 21/05/2021 18:58
O vento complica a extinción do incendio que se adentrou no Parque Nacional do Teide tras arrasar 1.600 hectáreas

EFE

O vento é a principal preocupación do amplo dispositivo que loita por controlar o incendio declarado este xoves nos altos de Arico, en Tenerife, que avanzou cara ao cumio e penetrou no Parque Nacional do Teide. En todo caso, fíxoo nunha zona de xesta sen masa boscosa, polo que se prevé que nesa parte non haxa grandes problemas para controlalo, segundo destacou o presidente do Cabido de Tenerife, Pedro Martín.

O incendio non está preto de zonas habitadas, así que non houbo que proceder ao desaloxo de vivendas, soamente pedir a persoas que estaban en zonas de uso tradicional agrícola que por precaución saísen desa área. O presidente canario, Anxo Víctor Torres, advertiu de que o máis preocupante é o vento, con previsións en Canarias de refachos de ata 70 quilómetros por hora.

En cambio, está previsto que nas próximas horas haxa un descenso das temperaturas e un ascenso da humidade, de maneira que, se todo sae ben, podería ser "un incendio de dous días", segundo calcula Torres, aínda que, admitiu, "nunca se sabe".

O incendio ten un perímetro duns 16 quilómetros e unha superficie de 1.600 hectáreas; a súa cabeza diríxese cara ao barranco do Río e ten dous flancos ben definidos. Preocupa tamén que se poida estender cara ao municipio de Granadilla.

No operativo participan uns 250 efectivos terrestres da loita contra incendios do Cabido de Tenerife, do Consorcio de Bombeiros e os equipos EIRIF do Gobierno de Canarias con base na Palma, no Hierro e A Gomera, UME, Brigadas Forestais BRIF con base na Palma e efectivos do Cabido de Gran Canaria interviñeron desde onte. 

Noticias web

21/05/2021