O venres remata o prazo para ter limpas as faixas de seguridade coas vivendas
O venres remata o prazo que establece a Xunta para ter as leiras rozadas, cumprindo coas faixas de seguridade coas vivendas.
Os traballos van contra o reloxo porque só quedan dous días para que remate o prazo establecido, e aínda hai moitas leiras que están sen rozar e non cumpren as distancias de seguridade que marca a lei. Esta norma establece que non pode haber maleza nin árbores pirófitas, como son os eucaliptos ou os piñeiros, a menos de 50 metros das vivendas.
Moitos propietarios estanse a acordar a última hora e algunhas empresas de servizos aseguran que non dan feito con tanta chamada, mesmo que lles falta persoal para manexar tanta maquinaria. Porén, tamén é doado atopar moitos terreos sen rozar a estas alturas do ano, con vexetación moi cerca das casas algo que, ademais de poder ser obxecto de sanción, pon en perigo a seguridade das persoas, das vivendas e da natureza, agora que se aproxima a tempada de alto risco de incendios.