O uso do certificado covid permitirá avanzar cara a niveis de ocupación prepandemia
A proposta para ampliar ocupacións no interior debaterase no comité clínico da semana que vén. A expectativa é volver aos niveis de normalidade pero mantendo medidas de hixiene, distancia, ventilación e uso de máscara, á que, avisan, aínda lle quedan meses.
"Temos que afacernos a que algunhas medidas que antes estaban en marcha pouco a pouco van quedar atrás, pero hai outras que non imos abandonar de momento, como o uso da máscara ou o distanciamento social nalgunhas circunstancias", explica Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública.
A Xunta buscará o visto e prace dos 35 expertos que asesoran o Goberno desde o inicio da pandemia. A decisión que propoñen, de volver a niveis de ocupación precovid, susténtase na situación epidemiolóxica e sanitaria. Con só 930 casos e unha incidencia acumulada de menos de 10 a 7 días, e con case o 94 % da poboación diana vacinada cunha dose, consideran que é o momento de dar novos pasos.
"O comportamento que exista non só na nosa comunidade, senón no resto de España e de Europa, si que nos da certo alento e esperanza que agardabamos, de ver certa luz ao final do túnel, unha estabilidade que conseguimos grazas á vacinación", explica o xerente do Sergas, José Flores.
"O que cabe esperar se non ocorre nada imprevisto -di Gestal- é que a evolución sexa a diminuír os casos e a desaparecer. Hai que ser prudente sempre pero eu creo que si que as campanas xa podemos empezar a preparalas para facelas voar".
Para empezar, a estratexia de loita contra a covid pasará a ser máis cirúrxica, gromo a gromo, e con especial atención ao grupo de idade non vacinado, os menores de 12, que é onde se rexistran as maiores incidencias.