CRTVG

Buscar

O último accidente mortal reaviva as queixas dos veciños de Cerponzóns

Publicado o 26/03/2019 14:35

As imaxes dan conta da brutalidade do accidente. A última vítima mortal nesta estrada nacional 550 ao seu paso por Cerponzóns, en Pontevedra, é unha muller de 41 anos que, ao parecer, perdeu o control do vehículo nun adiantamento, e foi dar frontalmente contra un camión. É a sétima morte que se rexistra nos últimos dez meses na coñecida como estrada de Santiago, e os veciños levan tempo pedindo solucións.

Juan José Esperón, Asociación de Veciños O Chedeiro: "O que pedimos é seguridade, así como nos viais interiores e os camiños asfaltados tamén pedimos algún lombo, como se puxo, ou indicadores, tamén na N-550 é o punto máis importante onde máis seguridade debemos de ter porque é onde máis tráfico hai"

Reclaman, especificamente, medidas para garantir a seguridade dos peóns porque saben, por experiencia, que atravesar a vía é moi arriscado.

"Aí non temos un punto, un paso elevado, nada para cruzar a estrada. E claro, con xente cada vez maior, nenos pequenos, pois un día como hoxe non hai problema para cruzar porque non hai problemas de visibilidade, pero un día de inverno, ou de noite, ou chovendo, fixemos a proba e é complicadísimo de atravesar e moi perigoso".

Outra das demandas do colectivo veciñal é que se faciliten os accesos ao campo de fútbol porque cando hai actividade no recinto a zona convértese noutro punto problemático.

Juan José Esperón, Asociación de Veciños O Chedeiro: "Os automóbiles que van cara ao campo, ao saír xa non poden xirar alí, teñen que ir todos máis arriba e créase un punto onde todo o mundo ten que ir dar unha volta e é un punto conflitivo".

Aínda que agradecen seren escoitados polas autoridades, piden máis axilidade para que as súas reinvindicacións se materialicen en feitos.

Noticias web

26/03/2019